Son moitos os fillos ilustres nacidos na parroquia de Donramiro. Entre os séculos XVI e XIX estas terras do Deza viron nacer a importantes escribáns e notarios que deron sona a toda a comarca. Pedro Castillo, Juan Gil, Francisco da Senra, Pedro Fernández Gil Noguerol, Antonio González, Rodrigo Fernández Gil, Indalecio Taboada, José María Crespo, Domingo Enrique Aller Rodríguez foron alguns dos máis destacados; persoas de confianza de reis e condes, figuras sobresaíntes no eido da xurisprudencia, pero tamén da política local que foron contribuíndo, década tras década, ó crecemento económico, político e social da zona.
Máis cercanos no tempo ós nosos días temos as figuras de Ramón María Aller Ulloa (1878-1966), sacerdote, matemático e astrónomo, e José Otero Abeledo, o pintor máis coñecido polo seu seudónimo Laxeiro, que naceu no 1908 e faleceu no 1996.
 |
Aller Ulloa, que nacera no pazo de Filgueiroa, realizou estudos e observacións astronómicas relevantes desenvolvendo instrumentos que logo habían de ser adoptados por centros tan prestixiosos como o Observatorio de París. A súa querencia pola astronomía comezara cun anteollo de 75mm de apertura que lle regalar a súa avoa Camila Ulloa cando era seminarista. Cunha obra que ocupa máis de 78 artigos publicados en diferentes medios, 4 libros, 5 teses doutorais dirixidas por el, catro estrelas descubertas e numerosos planos e deseños de instrumentación de observación e medición, Ramón María Aller levou o nome de Donramiro polo mundo adiante, e o seu propio nome foi o que utilizou o inglés John Wilkins para bautizar un dos cráteres da Lúa.
|
Laxeiro, máximo representante do Movemento Renovador da pintura galega, plasmou nas súas obras as terras da Ribeira do Deza nas que se criara, rodeado das laxes das cales fixo derivar o seu nome artístico. Entre os seu galardóns cómpre destacar a Medalla da Bienal de Pontevedra, a Medalla Castelao da Xunta de Galicia e a Medalla de Ouro do Concello de Vigo, cidade na que conta con museo propio, ademais das numerosas exposicións privadas dentro e fóra das nosas fronteiras.
Autodidacta, curioso, emigrante, amante da sua terra... algunha das características que formaron o carácter dun xenio.
|
 |
|