![]() |
Os Reencontros históricos, que se celebran no mes de agosto dende o 2004 e que xa van camiño da súa quinta edición neste 2008, traen ás terras de Donramiro o espírito do mundo castrexo e romano (e ata vikingo), máis aló da HISTORIA. Veciños, visitantes, curiosos... todos resucitan a memoria xogando e combatendo nun enclave natural e cultural que ben poderiamos denominar a cerna de Galicia.
Os participantes engalánanse para a ocasión revestidos de peles ou togas, segundo o rango, e protexidos polos escudos distintivos de cada bando. Tiros con arco, lanzamentos de xabalinas ou persecucións sobre a ponte do Rio Bervia son algunhas das tácticas máis socorridas e que os combatentes esquecen cando chega a hora do xantar de confraternidade.
A “historia” dos Reencontros escríbese coa ledicia e as ganas dos nenos da parroquia que tiñan no xogo de “bárbaros contra romanos” un dos enredos colectivos preferidos das horas de lecer. Hoxe, con 40 a 60 anos, os nenos que facían bandos nas carballeiras para tomar a ponte, o castelo imaxinario ou a pena-fortín reviven os momentos de xogo xuntándose para a festa e o baile. Moitos dos veciños, hoxe traballando a moitos quilómetros do seu Donramiro natal, atopan nesta unha boa desculpa para “voltar á terra”.
|
|